Dende hai un tempo mudeime aquí:
http://blogs.laopinioncoruna.es/producionspeludas/
Desculpen as molestias!
Dende hai un tempo mudeime aquí:
http://blogs.laopinioncoruna.es/producionspeludas/
Desculpen as molestias!

Segundo un estudo realizado polos Psicólogos da Universidad de Texas, David Bush e Cindy Meston, que analiza os motivos das personas para manter unha relación sexual, existen 237 razóns para practicar esta actividade. Entre elas atopamos estes motivos: aburrimento (Buahh, que podemos facer?), excesivo consumo de alcol, (aquí non existe perigo de que che poñan unha multa), quería un ascenso (vale igual para homes e mulleres, ou un motivo espiritual, «quería sentirme máis perto de Deus”, (o que nos pode lembrar ao sexo tántrico)
Os investigadores subliñan que existen catro grandes grupos de explicacións:
- As razóns físicas: agrupados en respostas como “É excitante, axúdame a durmir, tiña curiosidade ou tiña un corpo irresistible”.
- Razóns con obxectivos: que abrangue resultados como «quería ter un fillo», «quería ser popular» ou «pretendía vingarme dunha infidelidade».
- Razóns emocionais: con respostas tipo («procuraba unha conexión» ou “quería dicir grazas”)
- Razones de inseguridade: «quería a atención», «a miña parella insistía» ou “evitar que a
miña parella se fixase noutra persoa».
A razón máis popular na enquisa foi «atracción cara a outra persoa»
Vostedes escollan a que prefiran antes de poñerse ao acto e se xurde ese comentario instalado no imaxinario colectivo: “non, dóeme a cabeza”, existe unha contrarreplica, sobre todo se un vive no Reino Unido. Alí o Servizo Nacional de Saúde vén de realizar unha campaña promovendo o sexo porque é unha alternativa e un arma na loita contra a obesidade, as enrugas e os problemas cardíacos. As relacións sexuais son unha actividade que leva ao organismo a producir endorfinas,unha substancia que resulta beneficiosa para a prevención dos problemas do corazón, e tamén para os ósos, a pel, os músculos e o cabelo. Especialistas contactados polo xornal The Guardian din que as afirmacións non son erradas pero que non teñen fundamento científico, pero o Servizo de Saúde ratificouse na súa idea e,como punto final, indica que tamén é un remedio contra as dores de cabeza, así que se alguén escoita un non por mor dese motivo pode recurrir a argumentos científicos para tentar mudar a idea da súa parella.


Imos despedir esta temporada de artigos, ata despois do verán, facendo unha referencia aos XogosOlímpicos a celebrar en China. Cómpre non esquecer e denunciar a actitude do goberno ao respectodos dereitos humanos e sería bo boicotear a cerimonia de apertura como chamada de atención, mais logo o que interesa é competir con deportividade.Os deportistas dos que imos falar amosaron abondosamente o seu amor ás diferentes modalidades deportivas que practican. Algúns son populares e outros só sairon do anonimato nos seus paísesde orixe. Todos eles tamén están unidos por unha lonxevidade competidora que lles permite acadarrexistros extraordinarios.
Os xinetes neocelandeses Mark Todd e Andrew Nicholson participarán en agosto nas súas sextas olimpiadas e o mesmo ocorre co ciclista arxentino Juan Esteban Curuchet, o fondista angolano Joao Ntyamba e o belga Jean Michel Saive en tenis de mesa.Tamén Mutola, a gran corredora de oitocentos metros nada en Mozambique chegará por sexta vez á liña de meta nunha final e loitará outravolta polas medallas.
Lembremos que no depoprte español só houbo dous homes que chegasen a este número de participacións nuns Xogos Olímpicos. Foron eles o waterpolista Manel Estiarte e o xinete Luis Álvarez Cervera.
Tamén conseguiu unha praza no equipo estadounidense a nadadora Dara Torres, unha muller de 41 anos que retomou a actividade logo de ser nai cuns cronos excelentes que lle poderían facer optar a unha medalla. E co apelido Torres atopamos a un tirador de prato que vivirá tamén por sexta vez o ambiente olímpico, mais no seu caso puido incrementar esa presenzas de non ser polo boicot realizado por Cuba ás olimpiadas dos Ánxeles e Seul.
Seis participacións tiña tamén a mítica ciclista francesa Jeannie Longo e agora, con 49 anos de idade, na foto nótase o paso do tempo, acadou novamente un lugar na escuadra e vestirá por sétima vez a camisesta gala nesta competición. E atención a outra dama, que ao igual que todos dos que falamos, deixou horas a moreas nos adestramentos durante moitos anos para poder entrar na elite mundial. Trátase da xamaicana Merlene Ottey, agora nacionalizada eslovena, que tenta chegar aos seus oitavos Xogos aos seus 48 anos. Lonxe da gran atleta que foi, non terá opción de meterse nunha final, pero si de dar o nivel para competir con dignidade e quizais poder pasar a unha semifinal.
De todas e todos dos que aquí falamos podemos dicir, sen dúbida ningunha, que profesaron un claro amor ao deporte
Os osos polares están en risco de desaparecer por mor da degradación do seu habitat natural como consecuencia do quecemento global. O goberno de Estados Unidos incluiu a esta especie nunha lista de animais en perigo de extinción, aínda que o fixo a última hora e porque non lle quedaba máis remedio, tendo unha orde xudicial que demandaba esa actitude dos mandatarios. A industria petrolífera continúa a ter un gran peso nas decisións da administración norteamericana e lembremos que a comezos deste ano principiaron en Alasca un plan de exploración de petroleo e gas en 12 millóns de hectareas nunha rexión onde moran uns dezaseis mil osos polares que non significan nada diante dos beneficios multimillonarios que pode xerar ese lugar. O pulso continuará.
Por certo, moitos expertos cren que é o propio petróleo o que está en vías de extinción, posto que as reservas do planeta ameazan con esgotarse, mais os pasos dados polas potencias mundiais para atopar alternativas ao cru negro son mínimas e amosan pouco convencemento por parte dos gobernantes. Hai sete anos un barril de petróleo custaba 20 dólares e hai unhas semanas o seu prezo no mercado internacional foi de 126, un dato, cando menos, preocupante.
E outro modelo ao que non lle queda moito é o do exército tradicional. Ademais dos adiantos tecnolóxicos na loita contra os adversarios, o que pode suceder no futuro é que unha nación contrate ao servizo máis especializado para defenderse. Os mercenarios traballan para o mellor postor e con cartos na mesa calquera pode montar un exército magnificamente preparado. Co cheque a punto, os empregados de Blackwater, a empresa contratada por Estados Unidos que ten máis persoal en Iraq, un exército privado en toda regla, estarán dispostos a pelexar contra quen sexa. E de seguirmos a tónica imperante nos últimos tempos, outra modalidade a desaparecer será a das preguntas en roldas de prensa que traten asuntos polémicos e complicados para o que debe ofrecer explicacións. Cada vez son máis abondosas as comparecencias que non admiten as preguntas dos profesionais. Será para non averiguar se a ética e honradez dalgúns homes públicos está en vías de extinción?.

No negocio da música non sempre se premia o talento. O marketing fai pasar por estrelas a auténticas medianías que non serían nada sen o aparato promocional que os substenta. Existen artistas que soan continuadamente nas radios de éxitos e outros que nunca obterán ese beneficio e deberán loitar arreo para que as súas cancións poidan ser escoitadas. Afortunadamente existen outras canles, coidadiño con tocar Radio-3 e convertila noutra radio máis das moitas que existen, para que a xente interesada se informe doutras cousas que non están dirixidas ao gran público e ao puro negocio, e algún artista sobranceiro é quen de achar un espazo desde o que mandarnos unha proposta intelixente e de calidade. Iso sucede con Aurora Beltrán, que vén de sacar novo disco, o seu debut en solitario, titulado “Clases de Baile”
Ela foi a líder do grupo de rock Tahúres Zurdos, onde as súas composicións ao longo dos anos deron mostras da súa especial sensibilidade e gran capacidade para realizar ese tipo de cancións que deixan pouso. Da navarra salientaron a beleza dos seus intensos ollos azuis, pero o realmente refulxente en Aurora Beltrán está enriba dos ollos: é o seu cerebro e a súa capacidade como creadora talentosa.
Os Tahúres deberon atravesar desertos nas súas loitas con multinacionais que acostuman fichar a grupos para logo aparcalos en canto o nivel de vendas non resulta o suficientemente significativo para os seus intereses. Esas liortas legais acompañaron durante demasiado tempo a un conxunto que deixou álbumes excelentes na súa andaina. E agora, por fin, podemos disfrutar coa ópera prima dunha cantante xa con experiencia que continúa a ser quen de emocionar con temas dunha caste especial: dos que se manteñen sempre na memoria.

É un pracer ollar correr a Allyson Felix, unha atleta que semella deslizarse sobre a pista mentres as súas contrincantes baten no tartán con furia. Para estes Xogos Olímpicos tiña como obxectivo acadar catro medallas de ouro nas seguintes probas: 100 metros, 200 metros e os relevos 4×100 e 4×400. Pois xa non vai ser posible. A participación dos atletas norteamericanos decídese nunhas probas coñecidas como trials, nos que a competencia é moi dura, e non é a primeira vez que grandes figuras se levan surpresas. Allyson só puido entrar cuarta na liña de meta nos cen metros lisos e como só compiten tres ficará nas bancadas cando se celebre esa proba. Malia realizar un bo tempo non foi quen de meter a cabeza entre o trío que estará en agosto nas pistas chinesas. A competición olímpica dos 400 metros coincidía coa de 100 e por iso esta versátil e relixiosa atleta, é extremadamente complicado rendir a tope nesas tres especialidades, renunciou á carreira máis longa para se centrar nas outras. Agora que vai a tiro fixo que ninguén dubide que os 200 metros só teñen unha posible gañadora e non sería de extrañar que á colleita de ouros engadise os dous relevos. Desaparecida Marion Jones da admiración colectiva déanlle tempo a esta muller para ocupar ese lugar de raíña da velocidade. Aínda é moi nova e o seu futuro vémolo completamente dourado.
Comentan os responsables da cidade inglesa de Nottingham que a referencia inevitable que lle ven á xente á cabeza cando fala desa localidade é a de Robin Hood, ao que consideran parte do seu patrimonio e un imán turístico para moitas persoas. Un lugar moi visitado nese lugar é o bosque de Sherwood, o agocho de Robin e os seus homes fronte ao malvado sherriff de Nothingham. Agora esta urbe pretende atraer tamén aos turistas interesados na arte e as autoridades deron luz verde para construír dosu modernos centros de exposicións que tentan pór á cidade no mapa artístico internacional .
Robin Hood gañou sona roubando aos ricos para darllo aos pobres e Drácula conseguiuna por chuchar o sangue das súas vítimas. Aquí xa existe un referente histórico, no conde Vlad, coñecido como o empalador, e que semella a inspiración para o personaxe creado por Bram Stoker. Hai uns anos, o goberno romanés estivo barallando a idea de erguer un parque temático sobre a figura de Drácula para atraer ao turismo. Hoxe en día, a rexión de Transilvania continúa a ser coñecida fundamentalmente por esa figura popularizada polo mundo do cine.
E outro que tamén xerou unha enorme corte de seareiros foi o Rei Arturo cos seus lendarios cabaleiros da Mesa Redonda e o seu reino de ensoño en Camelot. Existen paquetes turísticos que levan aos visitantes a percorrer os lugares míticos onde se manifesta a pegada do monarca. Dese xeito viaxan, por exemplo, ás ruinas de Tintagel, fortaleza das sagas artúricas onde foi seducida, con enganos máxicos creados por Merlín, a duquesa de Cornualles. Nese sitio algúns sitúan á mítica cidade de Camelot. E a espada Excalibur espera ao seu dono cravada nunha rocha e un pensa que estaría ben contarmos en Galiza con algún personaxe desta caste, pero temos un Camiño de Santiago cheo de historias que tamén serve para que a nosa imaxe no mundo resulte máis recoñecible.
Algúns aínda non se enteraron. Non vivimos para traballar, senón que traballamos para poder vivir desafogadamente e tentando acugular experiencias gratas á nosa existencia. Os tempos do escravismo xa pasaron, mais temos aos burócratas da comunidade europea lanzando esa idea das 60 horas semanais de xeira laboral volvendo aos tempos das cavernas, aquelas épocas nas que o único importante eran os beneficios do patrón, isto segue a rexir en moito casos no presente, a costa de horas da vida do asalariado.
Agora matinan con volver atrás, pero tanto que dá arrepíos porque lembremos que foi en 1886 cando a participación na loita para a consecución da xornada de oito horas supuxo o axustizamento dos sindicalistas anarquistas coñecidos como os Mártires de Chicago. Durante unha manifestación pacífica unha persoa descoñecida lanzou unha bomba á policía que tentaba disolver o acto de xeito violento e iso levou á morte deses homes. Hoxe son as súas ideas as que se pretenden condear, permitindo esa insensatez das 60 horas.
A finais de maio de 1886 accedeuse a conceder esa xeira de oito horas, unha demanda que significou un número de altas enormes nas filas dos sindicatos, unhas organizacións que foron moi importantes na consecución de melloras no ámbito laboral, pero que nestes tempos que corren semellan enferruxadas e caen nos mesmos vicios que os seus antagonistas. Miran unicamente polo seu que teña carnet e esquecen o interese común da clase traballadora.
Lembremos esa máxima que proclamaba «oito horas para o traballo, oito para durmir e oito para o lecer». Esa proporción semella axustada e se precisa unha reforma é á baixa para a quenda laboral. Se unha cousa boa tivo o goberno do socialista francés Lionel Jospin foi o de pretender realizar a lei das 35 horas de traballo á semana. Se existen tantos parados, non sería unha boa medida esa de permitir que un maior número de xente se incorporase ao mercado laboral, tan siquera realizando medias xornadas?. Pero Jospin non puido sacar adiante esa reforma e colleitou un fracaso, malia que ningún político foi quen de explicar con claridade cal é o problema para non permitir unha lei desa caste.
Non hai máis que ollar ao mundo para ver que cada día aumentan as desigualdades entre as persoas. Os ricos acugulan a eito e os máis pobres subsisten con menos cartos que na década pasada. Vén de coñecerse o dato de que os directivos de empresas cobran dezasete veces máis que os seus empregados. As diferenzas económicas non fan máis que medrar dentro dunha estrutura social que, á forza, non debe estar ben pensada, os poderosos dirán que si, claro, cando se perpetuán este tipo de situacións tan inxustas.
Pero onde realmente as cousas están mal nese aspecto é en Portugal. Os nosos veciños están á cabeza da desigualdade na riqueza da Unión Europea, segundo un informe que se fixo público recentemente. Existen máis de dous millóns de pobres non seu territorio e o 2% da poboación vive con menos de cindo euros diarios.
Nesta lista, os lusos avantaxan a Lituania, Letonia. Polonia e Estonia, outros países con graves problemas. Pola contra, Suecia e Dinamarca son os que mellores datos obteñen á hora de superar ese desnivel económico. Chama a atención o terceiro lugar acadado por Eslovenia, un detalle a ter en conta á hora de xulgarmos a proposta social desa nación, quedando cuartos os fineses e quintos os holandeses. Para que non todo sexa tan negativo para os nosos queridos protugueses, cómpre salientar, agora si, unha situación privilexiada á hora de falarmos dos lugares máis pacíficos do mundo. Os lusos conseguiron o sétimo lugar na lista eleborada pola revista The Economist. O país máis pacífico do mundo é Islandia, seguido por Dinamarca, Noruega, Nova Celandia, Xapón e Irlanda. Detrás de Portugal quedaron situados, no top 10, Finlandia, Luxemburgo e Austria.
Aínda que falando de pacifismo, o mundo seguro que seria máis seguro en canto as desigualdades económicas diminuisen e non houbera tanta xente coas súas necesidades básicas sen cubrir.
Pois aquí está o meu primeiro traballo de ficción, editado por Tambre na colección Cataventos. “As pedras do destino” xa está á venda. Fixemos a presentación oficial na librería Sisargas e o meu amigo Alfonso Hermida, condutor do Telexornal mediodia na TVG, exerceu de presentador e elaborou o seguinte texto.

En 1988, hai agora 20 anos, dous políticos claves na historia de Irlanda, Gerry Adams e John Hume, iniciaban unhas conversas secretas que darían lugar ó Acordo de Belfast, onde se recolle que o futuro constitucional de Irlanda do Norte será determinado polo desexo democrático da súa poboación.
En 1988, hai agora 20 anos, proclámabase o estado de Palestina apenas uns meses despois do inicio da primeira intifada.
Nese ano de 1988 desénvolvese a novela que presentamos esta noite: As pedras do destino, de Óscar Losada, publicada dentro da Colección Catavento da editorial Tambre. A través das miradas de dous cativos, o autor achéganos a dúas causas que transcorren paralelas.
Hamadán é un adolescente palestino que dorme ó lado dun saco de croios pintados coa bandeira do seu país e que vive ós seus 15 anos en Nablús, a cidade máis grande dos territorios ocupados, con dúas ideas fixas: servir á causa do seu pobo e correr diante dos soldados israelís.
A 4.000 quilómetros de distancia, Sean vive a cotío o desprezo que a súa comunidade soporta dos protestantes. Sean vive en Derry, un bastión e un símbolo da loita da independencia irlandesa.
Os dous mozos non son alleos á realidade social e política dos seus pobos. Os paralelismos entre as súas vidas e as súas accións cotiás achegan os dous confitos ó longo da novela. Un semella se-lo trasunto do outro co paso dos episodios. Son testemuñas de momentos importantes na historia dos seus países, pero mentres Sean acaba ensimismado pola capacidade do diálogo para xuntar a inimigos aparentemente irreconciliables, Hamadán asiste impotente á pelexa ideolóxica entre irmáns. É a diferenza entre un e outro conflito.
As pedras son unha constante na historia de dous pobos que as utilizan a esgalla contra a munición dos inimigos israelí e británico. No Domingo Sanguento, as pedras que lanzou un pequeno grupo de manifestantes contra a barricada na que se parapetaban os soldados británicos nas rúas de Derry, foron a excusa para converter en caos o que inicialmente era unha manifestación pacífica en favor dos dereitos civís.
As pedras son tamén os mísiles cos que loitan os rapaces palestinos nunha reedición constante na historia deste pobo do enfrontamento do grande contra o pequeno. Día a día, nos territorios ocupados as pedras son a expresión de rabia dun pobo que ve como a cada pedra se responde con bombas e obuses. O conflito é desigual: por cada morte dun israelí, perden a vida 15 palestinos.
“As pedras do destino” é a fotografía de dous conflitos nos que, como se di nun momento do libro, o importante non é ter razón, senón que cha dean. E o máis terrible é que os protagonistas o saben, algo que converte a loita dos pobos palestino e irlandés e a convivencia nestes dous territorios nunha auténtica histeria colectiva.
O fanatismo dos protagonistas medra co paso das páxinas. Hamadán e Sean non dubidan en saír de caza. A súa actitude de adolescentes que se cren elixidos para cambia-lo rumbo da loita dos seus pobos, contrasta coa dos seus maiores, máis reflexiva, máis condescendente, máis política.
A novela de Óscar Losada é unha auténtica lección de historia, sen máis pretensións que a de que dous conflitos centenarios non caian no esquecemento. En algo máis de cen páxinas lémbrase desde a fundación do estado de Israel, da que se cumpriu este mes 60 anos, ata a guerra dos seis días, a primeira intifada e a instalación dos colonos nos territorios ocupados. No caso irlandés, o autor enumera momentos históricos como o Alzamento de Pascua, a irrupción de políticos fundacionais como Eamon de Valera, e o xa comentado Domingo Sanguento de 1972, unha xornada que marcou para sempre á localidade de Derry.
Con esta novela, Óscar Losada fai a súa estrea como escritor de ficción da man da editorial Tambre. O autor centrara os seus traballos anteriores no xornalismo de investigación en eidos nos que é un auténtico especialista: o deporte, a música folk e o cinema. As súas afeccións reflíctense tamén nas páxinas de As pedras do destino, como se pode apreciar no capítulo no que se conta o ambiente nun pub irlandés no que se segue a retranmisión dun partido do torneo das Cinco nacións de rugbi, ou aquel no que se narra un intenso partido de fútbol entre católicos e protestantes, igual de emocionante no campo coma na bancada, ou a chegada de Rory Gallagher á cidade de Derry onde tocará nun concerto que Sean e os seus amigos non queren perder.
Foi tamén a finais da década dos 80 do século pasado cando Óscar Losada e un servidor nos coñecimos. Daquela nos uniu unha entrañable a marabillosa aventura que acabou baixo as pedras da incompresión duns directivos alleos á realidade galega, e baixo as pedras da irresponsabilidade e o inconformismo duns políticos que non souberon entende-la importancia dun proxecto ó que non deixaron medrar. Refírome a Radio 4 de Radio Nacional de España.
Daquela, moitos Hamadáns e moitos Seans (moitos xornalistas novas cheos dunha ilusión inquebrantable), tivemos que correr diante dos tanques da ignorancia que fixeron calar unha voz moi necesaria hai 20 anos e que aínda hoxendía se bota moito de menos.
Esta tarde, antes de saír da redacción e volver para a casa, quixen facer un experimento xornalístico. Busquei as noticias das últimas 24 horas nas que aparecera a palabra Palestina. Atopei unha pila delas, case para facer unha sección enteira dun xornal. O conflito, xa milenario, segue latente. Palestina e Israel seguen a ser actores principais da actualidade internacional.
Fixen o mesmo coa palabra Irlanda. O resultado é éste. Veño coas mans valeiras. Semella que a importancia política e informativa do problema irlandés decreceu sensiblemente nos últimos anos. Velaquí unha diferenza insalvable entre a causa palestina e a causa irlandesa.
Os tempos mudan moi rápido para Irlanda, en cambio para Palestina parecen correr a modo, como se as pedras do destino se empecinasen en perpetua-la intifada, a rebelión dunhas pedras que se resisten a ser esmagadas polos tanques dun dos mellores e máis preparados exércitos do mundo.